
Segunda e definitivia parte da análise elitoral de Renovar o BNG. En todo caso, queda pendiente unha análise más profunda e pormenorizada dos datos. Así memso, a este post seguiralle, en breve, outra serie analisando as solucións.
Proposición 4ª A relación co PSOE
Co PSOE acadouse, nos últimos tempos, unha situación de complementariedade subsidiaria: os acordos nacionais para pactar coligazóns nos situaron nunha situación de goberno malia continuar coa baixada en sufraxios, gobernos nos que facendo, en liñas xerais, boas xestións non soubemos aproveitar, explicar nin modificar de xeito acaído para crear ilusión e confianza na xente. Tampouco serviron para reducir o poder e influencia do PP e do seu sistema caciquil.
Corolario 4º
A política de pactos convertíunos, a ollos de moita xente, incluída xente que nos apoia, nunha extensión do PSOE ou, no peor dos casos, nuns traidores ao proxecto que no seu momento diciamos representar. A incapacidade de distanciarnos provocou, en última instancia, que boa parte do eleitorado nos declarara cómplices da súa política antisocial en Madrid. Nin as folgas xerais, nin as propostas para a crise, parecen ter feito cambiar esa impresión. Os gobernos dos municipios, os máis cercanos e visíbeis para a cidadanía, mostráronnos como acompañantes do PSOE sen poder facer nada para evitalo. Convertémonos, a ollos de boa parte do eleitorado, nun simple bastón do PSOE.
Proposición 5ª Bipartidismo e escenario estatal
Por moito que se intentara, o BNG non foi capaz de devolver este proceso ao escenario municipal. O carácter de referendo ao goberno que impulsou o PP, e que o PSOE remarcou, deixou ao BNG fora de xogo. Terrorismo, Bildu, crise de débeda, economía internacional, Merkel… Pouco se falou dos problemas municipais. É máis, o BNG nacional, lonxe de opoñerse coa súa campaña a iso, animouno, ao poñer ao Portavoz Nacional a darlle leñazos a PSOE e PP, e usando os temas estatais para atizarlles.
Corolario 5º
O BNG ten unha incapacidade crónica de marcar o ritmo das campañas ou as políticas a nível nacional. E demostrouse nesta campaña. Caíndo no discurso antiPPSOE, só conseguiu que a campaña xirase arredor de temas que lles resultaban cómodos, anulando o efecto das nosas propostas municipais. Doutra banda, o discurso antiPPSOE tiña unha compoñente de bumerán, resta extraordinariamente credibilidade conxugar o discurso antisistémico e contra o PP e o PSOE, asemade se reivindica a acción de goberno municipal, conxuntamente co PSOE. En menor medida, tamén pasa co PP, os consensos obtidos co PP en certos temas, como o das Caixas, non foron ben explicados á cidadanía. O BNG obtivo unha imaxe de oportunista ou, peor aínda, de tonto útil do PP. Parece evidente que centrar o discurso en atacar a aqueles cos que se traballa, aparte de errado, é hipócrita. Debemos tomar nota, amais, da nosa incapacidade para trasladar un discurso diferenciado, algo que ten a ver tamén co noso distanciamento cos líderes de opinión populares e cos medios de comunicación alternativos e populares, coa laminación do espectro mediático galego e a volta á submisión e ás dádivas do poder como fórmula de vida. É o noso novo campo de xogo.
Proposición 6ª Os erros? da campaña nacional
Aparte do xa comentado, a campaña nacional foi unha sucesión de actos promocionais da figura do Portavoz Nacional, Guillerme Vázquez. Lonxe de a reforzar o discurso municipal, adicouse a formar unha imaxe de prestixio e de carisma para un Portavoz Nacional que chegou con carácter interino e apoiado por unha candidatura interna (APU) que obtivera menos do 50% do Consello Nacional. O seu discurso, lonxe de devolver o debate ás localidades, reforzou o estatal de PP e PSOE. Doutra banda, é unha persoa cunhas dotes comunicativas moi restrinxidas, cun baixo coñecemento popular e carente de prestixio social que está sendo promocionada de cara á elección do candidato á presidencia da Xunta por parte dunha facción interna (UPG) para que non sexa o candidato doutro grupo interno quen poida asumir ese reto.
Corolario 6º
A equipa nacional voltou estar baixo o control do aparato da UPG, e notouse. A campaña volveu ser encargada ao equipo técnico habitual e así nos luciu o pelo. Tendo un bo eslogan, retomáronse os estilos de sempre, cunha desorganización brutal e unha carencia de información indigna dunha organización que aspira a ser alternativa de goberno e que semella unha banda. Iso, sen ter en conta o sectarismo interno, impenitente e incapaz de permitir funcionar correctamente ao partido nun momento no que debería funcionar coa precisión da maquinaria dun reloxo suízo.
Dende o punto de vista da imaxe, a campaña foi totalmente 1.0. A iniciativa das ciberbloqueiras, se ben parecía ter un inicio forte na Convención Nacional, desinflouse ao longo da campaña, chegando ao final cunha colaboración escasa e nun verticalismo consistente no envío de instrucións desde a nacional para colocar información nos taboleiros e webs das ciberbloqueiras.
E por suposto, o grande erro, foi depositar nun Portavoz Nacional incapaz de conectar coa cidadanía tal peso, en ocasións chegando case a eclipsar aos candidatos e candidatas.
Centrámonos nun discurso de esquerda, dando alternativas á crise, cando hai ben tempo que deixamos de parecer de esquerdas. Deuse un discurso incoherente entre o que somos, o que queremos ser e o que parecemos. Toca, pois, reformarse, reformularse e readaptarse.
Conclusión.
Ben se pode reducir a tres palabras: ASEMBLEA NACIONAL XA. A ignominia da Executiva dicindo que os resultados son moderadamente satisfactorios o primeiro día, pra logo acabar dicindo que toma nota do resultado das cidades para rectificar, aínda que o considera digno, denota unha falta de claridade de ideas intolerábel para a dirección política do BNG. Todos eles deben dimitir e dar paso a unha AN que xa tarda.
Solución, hai. O deste domingo foi un golpe, moi duro, pero non foi unha hecatombe imposíbel de remontar. A solución implica algo que, a día de hoxe, asemella imposíbel: a perda real de poder do aparato burocrático e anquilosado que representa a UPG, superando o sectarismo e eliminando o deporte nacional de tirar ao compañeiro, especialmente, ao disidente.
Debe ser unha asemblea aberta, e plural, coa fórmula un militante, un delegado. Ninguén, absolutamente ninguén, pode ser obrigado a ficar na casa. A recuperación do asemblearismo é, pois unha peza básica e fundamental da salvación do BNG antes de caer ao lixo da historia.
Algúns (UPG) están apuntando que o proceso de elección de candidaturas, coas victorias tan axustadas, supuxeron unha desacreditación das candidaturas posteriores e contribuíron á derrota electoral. Sen dúbida, a imaxe do partido veuse afectada. Pero non tanto pola diverxencia entre sectores, senón pola incapacidade da facción vencedora, ás veces por escasos votos, de encadrar na súa candidatura á facción perdedora. Ademáis, o feito de non seren autenticamente unhas primarias, abertas por exemplo á participación dos simpatizantes rexistrados, leva a que o proceso estea envolto de secretismo, de oscuridade e de incomprensión para a nosa base militante. Fronte aos que queren escudar a súa incompetencia na divinización da unidade -sempre sob a súa batuta-, cómpre reclamar apertura do partido á participación das masas nacionalistas no seu seo a través de eleccións primarias reais que permitan a incorporación da sociedade ao partido e a ósmose entre ambos.
En todo caso, esta asemblea ten que ser un punto de inflexión, e os estatutos deben ser fondamente reformados. A supresión dos delegados, a devolución de poderes e aumento de periodicidade das asembleas locais é fundamental.
A recuperación da horizontalidade na toma de decisións serviría para volver implicar á militancia desencantada e á cidadanía nas tomas de decisión. A recuperación do diálogo e os consensos é fundamental.
Galiza espera por nós, pero non o fará eternamente.
Comentarios Recentes